Na ANPA O Areeiro queremos compartir unha nova que nos fai especial ilusión. Unha familia do noso centro foi protagonista recentemente no programa “Máis de Un Pontevedra” de Onda Cero Pontevedra grazas ao seu proxecto de investigación presentado en Pontenciencia.
Baixo o título “Se o vapeo afecta a unha semente ou un ovo, que me fai a min?”, as familias Couñago Bugueiro e González Docal desenvolveron un traballo científico co que conseguiron o primeiro premio Marie Curie na categoría de Ciencia en Familia.
O proxecto parte dunha pregunta moi directa e necesaria, especialmente entre a infancia e a mocidade: como afectan os vapeadores aos seres vivos? A través da experimentación e da observación, investigaron os efectos do vapeo sobre sementes e ovos, fomentando así o pensamento crítico e a reflexión arredor dun tema de gran actualidade.
Pontenciencia leva máis dunha década achegando a ciencia ás familias e ao alumnado dunha forma dinámica e participativa, promovendo a curiosidade, a investigación e o espírito científico.
Desde a ANPA queremos felicitar ás familias participantes por este recoñecemento e por demostrar que aprender, investigar e facer ciencia tamén pode ser unha experiencia compartida no fogar. É un orgullo contar na nosa comunidade educativa con iniciativas que inspiran, educan e poñen en valor a importancia da curiosidade e do coñecemento.
Parabéns polo traballo realizado e grazas por representar ao noso cole con tanto talento e compromiso!