Mañan xoves 28 de maio as nenas e nenos dos cursos de 1º, 2º, e 3º (45) van de excursión ao Botánico do Lago de Castiñeiras.
Esta xornada de convivencia ten como obxetivos amosar ao alumnado do centro a realidade laboral das persoas con discapacidade, poñendo en valor o traballo que desempeñan, favorecendo a comprensión e empatía cara as persoas que precisan apoios, e asemade aprender a disfrutar e coidar a riqueza do entorno natural do Lago de Castiñeiras. É unha oportunidade de educación informal para que as e os escolares comprendan o valor persoal, social e produtivo das persoas con discapacidade a través da experiencia.
A xornada consiste nunha visita guiada as novas instalacións do Botánico e Garden, recentemente aberto ao público, un paseo guiado a pe pola contorna e un obradoiro de plantación. Todas estas actividades son desenvolvidas polo persoal con discapacidade que traballa na Fundación Juan XXIII, sendo unha maneira de dignificar o seu traballo e tamén fomentar valores de coidado, sostenibilidade, compromiso e responsabilidade co medio ambiente, a historia e tradicións no Lago de Castiñeiras.
A posibilidade de realizar esta actividade xorde da iniciativa por segundo ano consecutivo da Área de Convivencia do CEIPP San Benito de Lérez, xunto a Anpa “O Areeiro” e a imprescindible coordinación coa Fundación para o Emprego e Discapacidade Juan XXIII.
Esta xornada está financiada polos fondos económicos xestionados pola Anpa, pola contribución do colexio e a subvención anual do departamento de Educación do Concello de Pontevedra.