A FANPA (Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra) abre a convocatoria de bolsas para o servizo de comedor do curso 2026-2027. Desde a ANPA O Areeiro queremos achegar esta información a todas as familias do centro que poidan estar interesadas en solicitala.
Requisitos dos solicitantes
- Estar empadroado no Concello de Pontevedra e convivir cos menores para os que se solicita a bolsa de comedor.
- Que os menores estean matriculados nun centro público do concello de Pontevedra que conte co servizo de comedor xestionado pola FANPA.
- Non ter situación de impago coa empresa que presta o servizo de comedor nin coa FANPA.
- Non ter sido beneficiario de bolsa de comedor durante dous ou máis anos por parte da FANPA.
- Non contar cuns ingresos per cápita anuais superiores ao 100 % do IPREM, nin cun patrimonio que exceda o necesario para ter dereito ao IMV.
- Ter solicitado as prestacións e pensións ás que se teña dereito (RISGA, IMV, etc.).
- Que os integrantes maiores de idade que non estean traballando figuren inscritos como demandantes de emprego.
De non cumprir algún dos requisitos esixidos, a solicitude quedará excluída. A FANPA resérvase o dereito a solicitar documentación complementaria que xustifique a situación declarada polos solicitantes.
Outras consideracións
No caso de grandes variacións dos datos económicos respecto ao ano anterior, a FANPA poderá ter en conta os datos do ano actual. O cambio nalgunha das situacións acreditadas suporá a reavaliación da bolsa. O incumprimento das normas de comedor, así como as ausencias inxustificadas reiteradas, suporá a perda da bolsa.
Prazo e presentación
- Prazo de solicitude: do 1 ao 10 de setembro de 2026, en horario de oficina de 9:00 a 14:00 h.
- Comunicación ás persoas beneficiarias: por teléfono, o 16 de setembro de 2026.
Documentación e máis información
Podes descargar o documento completo cos requisitos e a solicitude na web da FANPA:
👉 Procedemento para bolsas de comedor da FANPA – curso 2026-2027