Actividades

Actividades BÓTATE AO MONTE

O programa “Bótate ao Monte” regresa un ano máis a Pontevedra cunha proposta pensada para que as familias poidan descubrir, aprender e desfrutar da natureza dunha maneira diferente. A iniciativa, impulsada polo Concello de Pontevedra, contará nesta edición con 20 actividades gratuítas repartidas entre os parques forestais da Fracha, A Tomba e O Pontillón do Castro.

Entre as actividades previstas hai propostas para todos os gustos: iniciación ao paddle surf e ao caiac, escape room na natureza, observación solar, xeocaching nocturno, ioga en familia, obradoiros de petróglifos, observación de aves, plantas silvestres, música con elementos naturais ou actividades arredor da mitoloxía galega.

O programa busca achegar ás crianzas e ás familias ao patrimonio natural e medioambiental do noso entorno, fomentando o respecto polo monte, a biodiversidade e os espazos verdes da contorna pontevedresa. Ademais, este ano amplíanse as prazas ata chegar ás 510 dispoñibles.

Desde a ANPA O Areeiro parécenos unha proposta moi interesante para gozar do tempo libre en familia, desconectar das pantallas e vivir experiencias diferentes ao aire libre, especialmente agora que chega o bo tempo.

As inscricións realízanse a través da plataforma oficial do Concello de Pontevedra:

Programa Bótate ao Monte

As prazas son limitadas, polo que recomendamos estar atentos ás datas de apertura das inscricións.

You may also like