Actividades

As familias poden solicitar praza para os seus fillos nos centros educativos para o curso 2025/26 ata o 20 de marzo.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional establece que entre o 1 e o 20 de marzo as familias poderán solicitar praza escolar para o alumnado que se incorpora por primeira vez ao sistema educativo, principalmente en 4º curso de Educación Infantil, así como para aqueles estudantes de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que desexen cambiar de centro, sempre que haxa prazas dispoñibles.

Previamente, do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, estará aberto o período de reserva de praza para os alumnos que finalizan etapa no seu centro actual e pasan ao centro adscrito correspondente. Por exemplo, para aqueles que rematan Primaria nun CEIP e pasan a Secundaria nun IES, ou que conclúen Infantil nunha Escola de Educación Infantil e pasan a un colexio de Primaria.

Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o 25 de abril, as definitivas o 15 de maio, e os prazos para formalizar a matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria, e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Para realizar a solicitude, a Consellería de Educación pon á disposición das familias a aplicación ‘admisionalumnado’, que permite cubrir a solicitude, marcar os criterios do baremo que se desexen valorar e presentala de forma presencial no centro ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial. Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

A organización do próximo curso incorpora tamén as medidas do acordo de mellora da ensinanza blindadas a través da Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta para 2025, entre as que se inclúe a redución progresiva da ratio máxima de 20 alumnos por aula que comezou a aplicarse no presente curso para 4º de Educación Infantil e que se amplía a 5º curso de Infantil no próximo 2025/26

You may also like